Saturday 27 de April de 2024

Costa da Morte pon en marcha a Mesa de Calidade SICTED e a Mesa Starlight para situar o xeodestino na vangarda da excelencia turística


As Torres do Allo acolleron hoxe a constitución de dúas mesas que reafirman o compromiso da Costa da Morte Asociación Turística na mellora da calidade e competitividade do turismo neste territorio

A Mesa de Calidade e a Mesa Starlight Costa da Morte estarán integradas polos actores do sector nos ámbitos público e privado e servirán para deseñar a estratexia no eido SICTED e no astroturismo

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) constituíu oficialmente hoxe, 5 de setembro de 2023, nas Torres do Allo (Concello de Zas) a Mesa de Calidade SICTED e a Mesa Starlight Costa da Morte. O acto, ao que asistiron os principais actores implicados na xestión e promoción turística de Galicia, estivo presidido por Manuel Muíño, alcalde de Zas e máximo responsable da CMAT. Estes dous foros, creados no seo da CMAT, “servirán para situar o noso xeodestino, integrado por 17 concellos da Costa da Morte, na vangarda da excelencia turística”, destacou Manuel Muíño ao inicio do acto, no que salientou a “relevancia do encontro de constitución da Mesa de Calidade e da Mesa Starlight da Costa da Morte”.

A reunión da xunta directiva da CMAT comezou ás 10.00 horas. O encontro serviu para constituír a Mesa de Calidade SICTED, seguindo as pautas fixadas polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, dependente da Secretaría de Estado de Turismo; e a Mesa Starlight Costa da Morte, como parte do plan de medidas propostas pola Fundación Starlight, que acompaña a certificación da Costa da Morte como Destino Turístico Starlight, acadada en xaneiro de 2023.

Na mesa que presidiu o acto de hoxe nas Torres do Allo, ademais de Manuel Muíño, tamén estaban presentes Pepe Formoso, en representación do sector turístico privado da Costa da Morte; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Enrique Pérez Etcheverría, técnico da Área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia; Mavi Lezcano, experta en Patrimonio, e Marta Rodríguez Casas, xestora SICTED e membro do equipo da Secretaría Técnica da CMAT.

Ferramentas estratéxicas

Marta Rodríguez Casas foi a encargada de explicar as funcións e obxectivos da Mesa de Calidade SICTED e da Mesa Starlight Costa da Morte. Indicou que estas novas ferramentas “serán estratéxicas na promoción e mellora do turismo na Costa da Morte”. Tamén destacou a necesidade de colaboración entre os diferentes sectores, públicos e privados, representados nas mesas para chegar o acadar os obxectivos propostos.

Costa da Morte Asociación Turística destaca, tras poñer en marcha estas dúas iniciativas, que continúa “o compromiso de mellora da calidade e competitividade” do destino turístico. E tamén traballa na “configuración e promoción de produtos turísticos diferenciadores na Costa da Morte” a través da procura de “colaboracións e sinerxías entre os diversos actores involucrados do sector”.

A directora da Fundación Starlight, Antonia Varela; e o catedrático da USC, Jorge Mira, enviaron unha mensaxe grabada ante a imposibilidade de estar presentes hoxe nas Torres do Allo. Antonia Varela, de viaxe en Chile, agradeceu a “dilixencia da CMAT” para poñer en marcha as recomendacións para impulsar o proxecto Destino Turístico Starlight e concretamente a Mesa Stalight Costa da Morte. “Estamos nun momento de cambio no sector turístico onde prima a calidade; e na Costa da Morte hai talento, profesionalidade e interese por preservar o ceo”. Augurou que a iniciativa “será un éxito”.

Pola súa banda, Jorge Mira, ante a imposibilidade de acudir, enviou unha mensaxe. Destacou que as mesas creadas “son oportunas” porque “a posta en valor do ceo nocturno redunda en beneficio da saúde e as condicións de vida da veciñanza da zona a través dun alumeado público eficiente”. O catedrático da USC destacou que “as alcaldías son claves para que esto funcione”, en referencia ao traballo para reducir o impacto dos alumeados públicos. Mira destacou o perfil do visitante que busca ceos puros. “É un turista cun perfil cultural e económico alto, que respecta o entorno e o medio ambiente”.

Mesa de Calidade SICTED. Entre as súas funcións está a análise da situación turística do xeodestino, a proposta de obxectivos e plans de mellora e a avaliación anual dos participantes no proxecto SICTED, entre outros asuntos clave. As reunións desta mesa terán lugar antes dos Comités de Distinción (xuño e decembro) e, de forma extraordinaria, sempre a proposta dos seus membros. O presidente desta mesa será Manuel Muíño, alcalde de Zas; a vicepresidenta, María Lema Santabaya, concelleira de Cultura do Concello de Dumbría; e a secretaria, Marta Rodríguez Casas, xestora SICTED e membro da Secretaría Técnica da CMAT. Os vogais serán Enrique Pérez Etcheverría, técnico da Área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Pepe Formoso, presidente de APTCM; José Muíño, alcalde do Concello de Cabana de Bergantiños; Damián Álvarez, secretario de APTCM; Juan Carlos García Pose, alcalde do Concello de Coristanco; e Áurea Gómez Sisto, alcaldesa do Concello de Fisterra.

Mesa Starlight Costa da Morte. Esta mesa exercerá o seguimento de accións destinadas á conservación do ceo nocturno do xeodestino e servirá para deseñar unha folla de ruta para a promoción de iniciativas para o desenvolvemento do astroturismo e a concienciación cidadá sobre a importancia de preservar os ceos nocturnos do Destino Turístico Starlight Costa da Morte. Será o nexo directo coa Fundación Starlight e servirá de punto de encontro para recoller ideas e proxectos que contribúan á conservación do ceo nocturno, reflectidos na Declaración en Defensa del Cielo Nocturno y el Derecho a la Luz de las Estrellas, á que a CMAT está adherida desde 2022. Está constituída por Administracións públicas municipais, representantes da iniciativa privada do sector turístico, asociacións locais e sector educativo. A CMAT acordou que esta mesa quede constituída polos membros da actual xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística, e que tamén forman parte da Mesa de Calidade SICTED. Así, segundo explica a propia CMAT, “evitamos duplicar órganos de goberno”. Este foro contará con cinco membros honoríficos, que apoiarán iniciativas neste eido. Serán a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela Pérez; o director da Área de Física Aplicada da USC, Jorge Mira; a experta en Turismo e Patrimonio, Mavi Lezcano; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e o técnico da Área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia, Enrique Pérez Etcheverría.